Quintá de Cancelada, 14 - 27660
Becerreá - Lugo (España)
contacto@asociacioncastanoynogal.com
SERAFINA GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, A MULLER QUE VIU MORRER UN MUNDO E NACER OUTRO
Naceu en Freixo (A Fonsagrada) o 22 de outubro de 1928. Filla de Pacientina e José, tivo cinco irmáns: Florinda, Enrique, Jesús, Antonio e Manuel.
Coñeceu a orfandade materna ao final da súa infancia. Con moi pouca escolaridade –segmentada en pequenos espazos marcados polo traballo e sempre discriminada por ser nena- escoitou na lareira na voz da irmá cancións e poemas que cimentaron a súa ansia de saber. Naquel mundo con sobrecarga para as mulleres desde pequenas, foi aprendendo doutras a tecer e a coser para os seus, sen deixar o traballo común cos homes.
De terra de montaña foi casar a terra de montaña, Cancelada (Becerreá), onde formou unha famlia con José Álvarez Fernández, 10 anos maior ca ela, en abril de 1948. Pasou así da casa de Rodríguez de Freixo á da Chá de Acolá de Quintá de Cancelada. É probable que o seu noivado se iniciase en Tucende (lugar da parroquia no que tiña familiares) ou nalgunha festa de Córneas (Baleira) ás que asistía a mocidade do contorno para a súa socalización.
A Casa da Chá era propiedade dunha familia da Fonsagrada á que debían levar, como caseiros, unhas fanegas de gra os días oito de cada setembro. Situada no extremo noroeste, é a máis costaneira dun lugar -con casa da Chá de Acó e inda do Chao, nomes sorprendentes nunha aldea moi accidentada- con prados e fincas moi custosos para o traballo. Serafina foi, por se non o fora xa antes, unha das mulleres que levou o mundo á cabeza durante décadas por carreiros e pasadoiros difíciles de transitar. Auga da fonte do Lamoco, produtos da horta da veiga, e feixes da mantenza diaria do gando desde A Lameira Grande, o Pradín de Abaixo e a Reboleira.
Naquela casa humilde naceu a súa descendencia: Antonio, Manuel, Abelardo e Fe. A familia mantivo as relacións comunais de axuda mutua propias do rural. O formento do pan de casa en casa, as rogas de veciñanza para traballos de gran alcance (segas, mallas), o intercambio de favores e axudas puntuais, o coidado das crianzas e a creación de lazos de afecto a través dos afillados… José aportaba o saber dun practicante adquirido cos coñecementos en frontes da guerra civil para a que fora reclutado desde o inicio.
Convencida de que o saber era a mellor herdanza para os fillos e á filla colborou activamente coa escola, sen lles escatimar tempo nin entrega ao estudo. Naquela casa, inda tamén con lareira, escoitábase un transistor –un luxo naquel medio rural- e os rapaces estaban ao tanto do que ocorría fóra do seu contexto. Ao medraren, a emigración, destino aceptado polo pobo galego como posibilidade de subsistencia, deixou ocos na Casa da Chá de Acolá, como pasara xa na de Freixo. Antonio saíu moi cedo para traballar compaxinando os estudos co traballo, pero non foi o único.
A partir de mediados dos anos 70, iníciase lentamente un proceso de cambios no campo. Neste cambio pausado, a familia adquiriu a casa e comezou a súa restauración. En 1998 faleceu José tras 12 anos con Alzheimer e ao comezo do século coñeceu a inigualable dor da morte do seu fillo Manuel en accidente.
Pola aldea pasara xa unha pista, houbera traída de auga, luz eléctrica e, pouco a pouco, chegaron o teléfono e algunha comunicación dixital segundo a súa evolución, inda que sempre con retraso pola orografía accidentada e o abandono do rural polas distintas administracións.
Naceu tamén Castaño y Nogal/Castiñeiro e Nogueira, asociación promovida polo seu fillo Antonio -desexoso de estudos e formación reparadores do esmorecemento das súas orixes- e uns amigos da Coruña, para beneficiar o rural con alternativas de uso e modernización. Co seu impulso e o apoio da Casa de Chá de Acolá, a Cancelada máis alta reconstrúe parte do seu pasado como avance cara ao futuro. Serafina foi, xa que logo e por méritos propios, a PRESIDENTA DE HONRA desta asociación.
Os carreiros custosos deron paso a un sendeiro de gozo e observación dun espazo ecolóxico e etnográfico privilexiado. Para Serafina, as rogas de sega e malla convertéronse en roldas de mocidade chegada desde varias etnias e culturas para colaborar cun campo de traballo á mellora e conservación dun espazo que transcorre seguindo aquel río de nome esquecido que alimentaba a veiga e hoxe ten o nome recuperado: Donsal.
Serafina foi nos últimos anos anfitriona de numerosos e distinguidos visitantes e fixo amizade con cooperantes que a volveron visitar desde lonxe co seu cariño como ofrenda. Viaxou e coñeceu fóra da súa residencia habitual modos de vida do século XXI, gozou cos estudos acadados polos seus descendentes, homes e mulleres por igual, e coñeceu a cuarta xeración, privilexio ao que chegan poucas persoas.
Inda que ao final da súa peripecia vital dicía que o mellor lle chegara moi tarde, a aquela muller miúda de ollos chispeantes tocoulle a sorte de ver morrer un mundo que foi para ela e nacer outro mellorado para os seus.
Que a terra lle sexa leve e descanse en paz.
Helena Villar Janeiro, exmestra de Quintá na década dos 60, escritora e socia de honra de CyN