DISCURSO DE RECEPCIÓN DO “IV PREMIO IES DE BECERREÁ Á PROMOCIÓN DA LINGUA E A CULTURA GALEGAS NA COMARCA DOS ANCARES

Director do IES, concelleiro de Cultura, miñas amigas galardoadas no outro apartado, coordinadora do ENL, representante da ANPA no Consello Escolar, profesorado, alumnas e alumnos:

Grazas por esta distinción que eu valoro moito, como non podía ser doutro xeito. Permitídeme que traia de Rianxo a cita dun parágrafo de Castelao do retrinco “Sabela”, que cambiando o que haxa que cambiar, ten moito que ver co que eu sinto aquí entre vós:

“A miña vila quixo agasallarme e alá fun eu. Desembarquei baixo o estrondo das bombas entre o entusiasmo dos vellos amigos, que acugulaban o peirán e a ribeira. O azougamento non me deixaba camiñar, e se sodes sentimentais comprenderedes a miña emoción, porque a vila natal non é coma tódalas vilas”.

En 1940 nacía nesta vila a filla de Abelardo, que mellorara a aprendizaxe do oficio herdado de xastre en Madrid, e de Elvira, que levaba 11 anos en Euskadi onde traballara de modista para Balenciaga. Soaban inda tambores de guerra e os “ais” da forte represión franquista que sufriu esta zona e á nena tocoulle unha infancia de miseria moral e material, paliada pola familia ben singular que a recibía. Seus pais, contra o que xa era case habitual pero ía en aumento, mantivérona na lingua e na cultura dos seus, eles que coñecían ben a outra. É ese un dos galanos máis importantes que recibiu. O segundo, foi seu irmán Ovidio, catro anos máis novo. Ambos viviron a experiencia que hoxe chaman  home schooling. El non pisou a escola e ela saíu no primeiro ou no segundo curso, dato que eu, aquela nena, desexo establecer. Ausentes da escola, aprendemos no faiado con libros e unha imprentiña para escribir  e a colaboración dos contos alugados na librería PAHE. Na xastrería, canda o oficio familiar, mergullábanse na vida do complexo e ricaz mundo relatado día a día por unha clientela múltiple e fluínte que facía de cada feira unha festa. O terceiro regalo foi iniciar o bacharelato aos 13 anos, compaxinando a Academia de Don Jaime co traballo de oficiala do taller. Debo agradecer hoxe e aquí a intervención impagable da Sra. Carme do Ferreiro da Feira que me dixo unha tarde de setembro, ao ir recoller unha cesta de pan que nos cocían no seu forno público: “Ti vales moito para estudar. Pídelles a teus pais que te manden”.  Díxeno á volta e sorprendéronse moito. Miña nai foi xa desde o día seguinte –a data de aniversario das dúas- a gran valedora e conseguímolo co esforzo compartido por toda a familia. Mestra xa, aos case 21 anos, mandáronme a Vilaver como interina. Alí abrín as alas para voar persoal e profesionalmente, pois acababa de pasar dun oficio que sabía á perfección a outro para o que a penas me prepara a Escola de Maxisterio de Lugo.

Nos montes de Ancares confirmei a vocación de pertencer  plenamente ao país, inda que escolarizara en castelán como nos viña imposto. Non obstante, a lingua volvía á normalidade ao botar os pés fóra da escola para vivirmos todos naquela cultura milenaria que Cervantes e a contorna conservaron ata moi tarde polo desleixo das administracións que nos mantivo incomunicados. Deloutro lado do Navia, agora en Quintá de Cancelada, acabei de me instruír en todo o que non me ensinaría a Universidade -na que xa estudaba outravolta por libre- porque precisaba ancorar ben os pés na terra dos meus. Alí nacín tamén como escritora publicando despois no 1972 o primeiro libro. Daquela xa traballaba en Armesto, pero vivía na casa de Becerreá. Ese mesmo ano, vendo o absurdo que era falar nunha lingua e escribir noutra, iniciei a aprendizaxe do galego escrito para normalizar a miña vida. No ano 1975 trasládome á cidade e xa impartín clase voluntaria de galego, ao abeiro da Lei Villar Palasí do ano 1970, nun colexio de Ferrol, onde impartín xa clase da 2ª Etapa de E.X.B. Cando se fixo obrigatoria na escola en 1979, dediqueime plenamente ao ensino da lingua e da literatura galegas ata a prexubilación no IES Xelmírez I de Santiago no ano 2001.

Se vós me honrades cunha distinción tan importante para min, eu tráiovos a ofrenda do que lles debo aos Ancares.

-Débolles poder estudar, pois as súas xentes déronme esa posibilidade por seren clientela da xastrería. Meus pais pedíronme que non esquecera isto e quero así manifestalo hoxe en honra deles.

-Débolles posuír unha lingua riquísima en vocabulario, xiros e recursos expresivos que pouca xente ten hoxe tan viva e operativa para a literatura e a comunicación.

-Débolles ser poeta e ter o pouso dun mundo narrativo do que levo publicado cousas e do que estou tirando nestes momentos.

-Débolles ter un reino encantado no que situar contos e poemas infantís que empecei a escribir para que os nosos nenos tiveran libros na lingua que quixemos que falasen sendo urbanos sen contacto permanente co mundo rural.

-Débolles ter participado dunha singular cultura con medios de vida ligados a valores de ecoloxía e de cooperación que hoxe empezan a ser arqueoloxía e contidos etnográficos que van agacharse aos libros. Neste mundo que compartín coa miña xente baseo moitas das columnas de prensa que escribo desde 1992. O catedrático de Historia Moderna da USC e académico da RAG, Pegerto Saavedra, maniféstame frecuentemente o seguimento gozoso que fai destes temas e a petición de que lles dedique máis tempo, porque a Galicia antropolóxica que aínda latexa aquí non debe pasar ao olvido, cando menos nas xeracións do inmediato futuro.

Se a patria da persoa é a súa infancia, aquí está a miña patria, inda que manteña relacións de veciñanza e pertenza cos concellos de Rianxo e Santiago de Compostela, e de amor conxugal coa Terra Chá. Esa infancia durou 35 anos de aprendizaxe que empezou na nacenza e acabou na asunción plena dun país normal, cuxa lingua é normal dentro dunha cultura normal, propia e irrepetible canda todas as do mundo e solidaria con elas.

É o meu desexo dedicarlle este premio a quen comparte comigo a vida e os ideais xa vai para 42 anos, o escritor Xesús Rábade Paredes, que me acompaña. E tamén agradecerlles moi especialmente a Ovidio e Alicia, os meus irmáns, que sigan sendo o forte lazo familiar que me ata á vila.

Reitero o meu agradecemento ás alumnas e alumnos que recitaron poemas dos poemarios Festa do corpo e Nas hedras da clepsidra durante este acto. Fago outro agradecemento extensivo ás persoas presentes neste acto, a toda a comunidade educativa e aos Concellos da Comarca, desexándolle a este IES, que se revela como un foco irradiador de cultura, moitos éxitos na frela de traballar pola normalización dunha terra que só será ela se se asume e mantén a súa lingua milenaria, esa “lingua dos avós que temos mortos”, adaptándoa ás innovacións que vaian vindo, mais sen deixarse asoballar por elas nin por ningún outro idioma que, en ningún caso, é superior ao propio.

Helena Villar Janeiro (09-06-17)