Quintá de Cancelada, 14 - 27660
Becerreá - Lugo (España)
contacto@asociacioncastanoynogal.com
A andaina de Helena Villar Janeiro desde Os Ancares á literatura (por María López Leyro)
Helena Villar Janeiro, nada en Becerreá (Lugo), tén unha vasta e distinguida traxectoria como pedagoga e escritora. O seu blogue Galego na Rede amosa a súa coidadosa atención á lingua galega (é membro correspondente da Real Academia Galega). A súa condición de Membro de Honra da Asociación Castiñeiro e Nogueira, con sé en Quintá de Cancelada (Becerreá), subliña a súa relación con Becerreá, a terra dos seus antepasados paternos, escenario da súa infancia e adolescencia onde retornou por un tempo como mestra, e que ten descrito como “o lugar onde se asenta o cáliz daquela rosa de montañas que polo día é azul –as veces branca— e se volve amoratada ao luar”.(“Paseos literarios”, 2000).
-- Como era a súa escola de Quintá de Cancelada?
H- Unha escola unitaria con moito alumnado. Se chegasen a asistir todas as crianzas da parroquia –por exemplo en Castel de María contrataban un “mestre de ferrado”, porque certamente lles quedaba moi lonxe a escola pública-, rondarían os 60. Para escolarizar ese alumnado numeroso que non tiña doado o acceso, nomearon axiña profesorado da campaña de alfabetización, inda que algúns xa empezaran a vir á escola ordinaria. Eu atendía arredor de 35 nenas e nenos procedentes de varios lugares da parroquia e non recordo que houbese desequilibrio notorio de número entre os xéneros. En canto á idade, admitía a asistencia desde párvulos, se mo requerían, ata os 14 anos. E mesmo preparei na propia escola para o Exame de Ingreso no Bacharelato. Empezaron a estudalo unha rapaza e dous rapaces, inda que só fixo carreira Antonio Álvarez González [impulsor da Asociación Castiñeiro e Nogal e presidente e consultor xurídico], con moito esforzo e mérito pola súa parte. Alégrame moito que estea hoxe á fronte dun proxecto de recuperación e valoración daquel privilexiado territorio, no que os poderes públicos non puxeron nunca interese en conservar nin en desenvolver como merece.
Helena Villar Janeiro na entrega do Premio da Asociación de Escritores Galegos, Rianxo (A Coruña), 2016
-- Como afectaba a docencia o feito de que os estudantes e as súas familias foran veciños?
H- Non eramos parroquianos, é dicir veciños, senón do mesmo concello, pero eu estaba moi relacionada con aquel lugar. Alí tiña parentes en cuxa casa xa estivera en dúas ocasións cando era nena e adolescente, e incluso morei con ela algún tempo. Había unha circunstancia curiosa, que tamén concorrera na primera escola (Vilaver de Cervantes): a maioría dos pais facían a roupa na nosa xastrería, polo que eramos ben coñecidos de vello. Isto incidía nun trato moi humano e cariñoso por ambas partes, e tamén nos recados que me facían cando ían ás feiras de Becerreá. Pasaban pola miña casa e traínme algo de comida perecedeira da que non había alí. O trato con aquela boa xente era moi doado e moi gratificante, e redundaba en favor do traballo de ensinar e aprender.
AUSTERIDADE E PRECARIEDADE
Quintá (Becerreá, Lugo)
--Que materiais había na escola?
H- A de Quintá fora unha das primeiras escolas rurais do concello. Estaba en local alugado a un particular e atopábase en situación deplorable desde había anos. Non abrían as fiestras, as táboas do chan estaban en moi mal estado, mesmo con buratos e desprendidas. Debaixo tiñamos unha corte de vacas que eran unha ameaza se caía unha criatura co movemento dunha táboa das do fondo do local, onde xa procuraban non pisar. Os caldeiros de brasas que nos enviaban dos fornos de cocer o pan eran un perigo naquelas circunstancias e tivemos que acabar renunciando a eles. En calquera caso, a proximidade animal axudaba dalgún xeito á calefacción. A austeridade e as poucas esixencias que todos tiñamos daquela hoxe causan abraio. Pero existía o esqueleto dun edificio –non sei os anos que levaría como obra sen acabar, mais non eran poucos- e iamos aguantando a ver se un día tiñamos casa-escola. Nos seis anos que eu desempeñei aquel traballo non se moveu a súa construción e, xa case ao final do último curso, a Inspección procedeu á clausura do local que, a todas luces, non cumpría o máis mínimo requisito. Pasáronnos a unha casa de aluguer que tardaron un mes en habilitar. A partir dese curso, a administración axilizou execución do edificio. Non moito tempo despois, a unitaria pasou a integrarse na Concentración Escolar de Becerreá. O edificio serve hoxe de local social á Asociación Castiñeiro e Nogueira.
En canto aos materiais que usabamos, había mapas, encerado con xiz e borrador, enciclopedias como libro de texto, libretas, lapis e bolígrafos. Tamén usabamos pizarra para as matemáticas pola súa facilidade de borrar e, sobre todo, para as criaturas máis pequenas que se iniciaban así na aprendizaxe das destrezas gráficas.
--Había diferenzas marcadas entre a asistencia a clases de homes e mulleres? Había casos nos que a necesidade de axuda na casa rematase a escolarización?
H- Ao contrario do que pasaba no anterior destino –unha escola de nova creación con só tres anos de funcionamento-, en Quintá a escolarización estaba aceptada como obrigatoria e positiva para rapazas e rapaces, e non había ningunha distinción na asistencia. Por esa mesma razón, acudían á clase ata o último día marcado pola lei en todas as idades. Daquela, o xoves pola tarde quedaba libre para acudir o alumnado á doutrina da Igrexa, pero a gran maioría do profesorado, con anuencia das familias, cambiabamos esa tarde pola do venres para poder viaxarmos algo, xa que as estradas quedaban lonxe.
De esquerda a dereita: Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes, Antonio Álvarez González – foto propia
A PAISAXE NA ESCRITA
-- As descricións da súa vida en Becerreá abundan con referencias a unha quasi-comuñón coa paisaxe dos Ancares. Cando diría que foi consciente da paisaxe como realidade externa, como algo que era sentimento e realidade obxectiva?
H-Desde os catro anos, tiven desde a fiestra do meu cuarto unha vista maravillosa dos Ancares, que mostraban a neve con máis frecuencia que agora. De nena, andei soutando castañas e landras polos prados, gardando as augas da pillota para o rego dun prado e vendo cultivar a horta por miña nai. A memoria da neve acompáñame sempre e sei polo olor do aire se van caer folerpas. Vivín en comuñón total con aquela terra e a paisaxe axudou a modelarme. Por se fose pouca a experiencia de nena e de adolescente, desempeñar o traballo de mestra varios anos no mundo rural acabou de unirme a el e á súa cultura. A paisaxe da montaña forma parte esencial da miña vida e da miña escrita, como non podería ser doutra maneira.
-- Como se enseñaban as ciencias naturais a estudantes que convivían coa natureza en estado puro? Como facían eles a transición entre entorno familiar rutinario e realidade externa?
H- O ensino da época tendía a libresco e á nula valoración do hábitat do alumnado. Inda eran libros pensados para un estudante moi abstracto de tipo urbano, ao que tampouco se adaptaba ben. Pero no medio en que nós desenvolviamos o ensino-aprendizaxe era imposible non facelo ás referencias que non estaban nos libros. Aquelas criaturas coñecían todas as dimensións da vida porque estaban inmersas nela. Ían da observación á actividade a través dos traballos nos que axudaban despois da escola e nos días libres. As familias autoabastecíanse e aquel alumnado coñecía a produción, a transformación das colleitas e o ciclo vital dos animais, non só os domésticos, as plantas, os ciclos anuais, as estacións… Eu fixera un Cursiño de Capacitación Agropecuaria –que valía para obter puntuación no traslado- pero tiña tanto respecto polo que o alumnado e os seus familiares sabían facer que non me atrevín a poñerme de ensinante, senón de aprendiza, con e canda eles, os seus saberes herdados.
Hoxe esa interacción quedou moi diminuída, ou porque non hai criaturas –Os Ancares tenden á despoboación- ou porque os traballos de agricultura e gandería se desenvolven doutro xeito do que as criaturas quedan máis afastadas, tanto pola mecanización do traballo como por lles máis tempo para o estudo e mesmo para o lecer. Inda así, hai granxas e casas ligadas á produción ecolóxica que acollen visitas de escolares, cada vez están máis precisados de tomar terra. A ruta de Quintá-Río Donsal está propiciando tamén unha maneira diferente de aprender vivindo a natureza, sobre todo a persoas con apetencia e necesidade dunha inmersión ecolóxica que nos achegue de novo á terra como distracción, como relax e mesmo como terapia.
Contos do sol e da lúa. Helena Villar Janeiro, Editorial Alvarellos (con pernmiso)
FILLOS INSPIRADORES DA OBRA INFANTIL
-- Ademais das súas memorias e dos sentimentos para o territorio da súa infancia, que diría que aportou a súa experiencia docente á súa escrita?
H- Empecei a escribir en Quintá motivada polas lecturas de Juan Ramón Jiménez, o poeta que me fixo poeta. A situación de tranquilidade, a paisaxe desbordante e a necesidade de establecer un diálogo comigo leváronme a ir facendo unha especie de diario existencial no que non entraba a escola como traballo. Cando publiquei o primeiro libro, “Alalás” (1972) seguía nun centro rural pero xa vivía na casa de meus pais, pois quedaba moi cerca. Logo empecei a obra infantil, mais non como mestra senón como nai que quería transmitir o idioma aos fillos, tamén na parte lúdica e estética, en colaboración co meu home e pai das criaturas, o escritor Xesús Rábade Paredes. Indubidablemente, o coñecemento da infancia e despois da adolescencia, coa que seguín a traballar xa exclusivamente nos centros urbanos, serviu para eu coñecer mellor a problemática do medrar. Quizabes o libro no que mellor poida rastrearse esta fonte educativa sexa o último en narrativa, “Amor por catro” (2018). Pero, en xeral, a profesión de ensinante non ten unha influencia tan importante como as situacións xeográficas nas que a vivín. Inda así, xa iniciado o camiño da profesión fíxenme axiña pedagoga e a visión xa globalizada de educadora trascende a miña escrita en todos xéneros e modalidades.
-- Hai un libro do norteamericano Richard Louv, traducido ao castelán como Los últimos niños en el bosque, onde o autor compara a súa vida de rapaz en contacto coa natureza coa da xente nova de hoxe e estima que mesmo os moradores das aldeas perderon o aprezo polos espazos naturais e a conexión entre a terra e a alimentación. Di, entre outras cousas, que os rapaces agora prefiren xogar dentro das casas porque é onde están os enchufes. Ainda concedendo que o autor fai as súas observacións nos EE UU, podemos identificarnos con elas?
H- Indubidablemente Galicia está perdendo os seus sinais de identidade (fundamentalmente a lingua, pero non só) e isto axuda a que a rapazada se desloque e perda o aprezo polo que nos é máis propio. O medio rural que sostivo unha cultura popular moi rica estase despoboando xusto nos espazos de natureza vizosa que máis difícil mecanizar a explotación agropecuaria, como é o caso dos Ancares e, en xeral, as terras do interior. As concentracións escolares nacidas da Lei Xeral de Educación de 1970 non tiveron en conta as características poboacionais de Galicia e desarraigaron máis o alumnado do medio rural. Este problema agrávase co tempo. A escola, en xeral, cada vez está máis perdida: o inglés como lingua de ensino veu instituír en non poucos centros a festa de San Patricio como se fose nosa e a celebración propia do Samaím foi substituída polo Halloween americano. Na idade máis plástica das persoas, que é a infancia, unha realidade virtual está ocupando espazos da relación directa coas persoas e coa natureza e, o que é peor, desgaleguizando a comunicación e os escenarios vitais. Nunca estivo máis ameazado o noso patrimonio natural e cultural como o está hoxe.
Grupo na Ruta Quintá Río Dorsal – foto propia
Helena Villar Janeiro. Asociación de escritores e escritoras en lingua galega (AELG) http://www.aelg.gal/Centrodoc/GetAuthorById.do?id=autor343