ACTO CULTURAL ÚNICO NA IGREXA PARROQUIAL DE QUINTÁ DE CANCELADA

Con motivo da presentación do libro “Huellas y acción de un alma rural”, de autoría e edición do avogado coruñés Antonio Álvarez González, natural de Quintá. O libro foi deseñado pola firma Signo de Madrid e está impreso na Imprenta Alfonso en papel pesado, a catro cores, propios das coleccións das grandes exposicións segundo unha antiga técnica do Museo de Artes Gráficas de Barcelona. Esta edición non é comercializable.

O libro é un estudo antropolóxico dunha muller campesiña de 93 anos e da familia en contextos orográficos e sociais moi difíciles, da súa loita tenaz contra a resignación rural ancestral, o illamento, dereitos sociais básicos como a educación e o medio ambiente, as barreiras e obstáculos, que os obrigou a definirse e ter que escoller entre facer ou inhibirse, para ser un legado de evolución positiva para as xeracións futuras, investigadores e creadores.

A principal protagonista e fío condutor da historia e recompilación da segunda parte da obra é Serafina González Fernández, natural de Freixo no concello da Fonsagrada, casada e veciña de Quintá ata o seu falecemento o 12 de setembro, soterrada no cementerio de Quintá, polo que tamén será unha forma inmemorial de rendirlle unha primeira homenaxe pública en lembranza, despois da súa morte.

O presidente da asociación Castaño e Nogal ten moi claro, dende hai tempo, que o rural é un entorno idóneo para facer cousas, xerar e desenvolver accións medioambientais, facer sendeirismo, emprender e traballar a distancia, organizar eventos culturais, como presentar libros, coa que se celebrará o oito de xullo na igrexa de Quintá, situada nun castro, á altura dos de Sevane e Tucende, visibles dende este lugar.

Os que decidan acudir a este evento teñen a opción de percorrer un tramo do Sendeiro Quintá-Río Donsal en horario de mañá e/ou primeiras horas da tarde, mergullándose en fragas e soutos de castiñeiros centenarios e milenarios, ouriceiras, vendo pequenas fervenzas, rochas e árbores autóctonas cubertas de musgo verde ou líquenes brancos e “pisa flores silvestres”.

No acto confirmouse a presenza de autoridades, personalidades, veciñ@s  e cidad@ns de polo menos oito concellos da provincia de Lugo e dous da provincia da Coruña, así como dos párrocos de Navia-Quintá, Becerreá e Freixo-Parada Bella. do ámbito da cultura e da educación, e, obviamente, os implicados na presentación (mencionados no cartel).