Laudatio Helena Villar Janeiro: mestre – escritora e presentadora
Publicado por: acn en General
Socia de honra de Galix, 9 de decembro de 2015
Moi bos días a todos os que hoxe vos dades cita neste Instituto Xelmirez I, para acompañar a Helena Villar Janeiro, e homenaxeala como Socia de Honra da Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia, unha asociación que ela contribuiu a crear, e que hoxe quere renderlle á escritora a súa máis grande distinción, a que está reservada para os máis destacados autores do país na literatura infantil e xuvenil.
Helena ten unha obra ampla e variada, en xéneros e temáticas, e públicos destinatarios. Cultivou coa mesma naturalidade a poesía que a narrativa, o ensaio que a tradución, ou a literatura para adultos ou para rapaces. Pero o que hoxe queremos ensalzar é a súa traxectoria nos libros infantís que Helena escribiu desde os anos 70, ata este mesmo 2015.
Non é posible entender o seu percorrido autoral sen falar da súa vida e profesión porque é unha obra intrinsicamente coherente coa súa maneira de ser.
Naceu Helena en Becerreá, nos Ancares de Lugo, un 28 de setembro de 1940 con Europa metida na Segunda Guerra Mundial, e España que viña de rematar a guerra civil e de comezar un longo período de resentimento e persecucións. Non era o mellor momento para nacer. Nin era o mellor momento para medrar en liberdade. Pero alí, en Becerreá, na casa do xastre, Helena criouse con seu irmán nun entorno especial e diferente.
Un entorno ilustrado, pola figura do pai, Abelardo, o xastre, un extraordinario contador de contos, gardán da memoria, defensor das liberdades, republicano convencido a ferro, feminista aínda sen sabelo, home de amplo coñecemento dos clásicos e músico de acordión, bandurria, guitarra e laude. Non era menos destacada a influencia de súa nai, Elvira, a que se ocupaba deles, unha muller afouta, valente, de carácter (din que como o de Helena), moi súa, e que foi trascendental tamén nesa primeira educación que veu da casa, desa casa tan extraordinaria onde non só eles, senon tamén os nenos da aldea enteira ían escoitar contos e aprender tocar os instrumentos. Aos 7 anos seus país quitaron a Helena da escola ata os 13, un tempo no que estivo, non desescolarizada, senón escolarizada na casa como seus pais tiveron a ben facer.
Pouco que ver co resto da educación de tantos nenos e nenas castrados polo réxime franquista. Helena, ademais de ler, escribir e saber as catro regras, escoitaba contos, sabía da tradición oral, recitaba, practicaba a música (da tradicional ao bel canto), e aprendía das liberdades e da existencia de mulleres da política e o pensamento, das que seu pai lle falaba, como a Pasionaria, Rosa Luxemburgo ou Hildegart.
En Becerreá completou os estudos de primaria e de bacharelato aos que se presentou por libre no Instituto “Virgen de los ojos grandes” de Lugo. Daquela época chegou a axudar no taller mentres estudaba. Se os tempos foran outros, poida que Helena se decantara polas artes ou a música pero como ela mesma explicou “as duras orixes na posguerra obrigáronme a optar, e aínda co sacrificio de traballar de paso, polos estudos de Maxisterio, curtos e próximos ó domicilio. Fixen despois unha licenciatura e cando me ofreceron unha beca para estudiar canto en San Fernando, considerei que era demasiado tarde” Pronto gañou unhas oposicións ao corpo do Maxisterio Nacional, que a levou dar clases pola mesma bisbarra, fixo tamén traballos de xestión e mesmo deu clase a adultos. Participou na renovación pedagóxica, e compaxinou o traballo cos estudos de Pedagoxía, xa en Madrid, onde tamén se diplomou en lingua francesa, e ata aprendeu nocións de árabe.
Helena era “unha muller moderna”, non pasaba inadvertida en Becerreá coas súas ideas progresistas e revolucionarias do mundo, cos sombreiros e a roupa que ela mesma se cosía á última, cos libros en francés que lía debaixo da parra. Desenvolveu a música, o teatro, a cerámica, a pintura…todas as formas de expresión artística, que forman aínda hoxe parte dela, e que por suposto tamén as levou á escola.
Helena Villar fixo de ser mestra a súa vida. Aínda hoxe o é dalgunha maneira, porque ser mestre “imprime caracter” como dirían os curas, e queda para sempre, estea unha en activo ou xubilada, é unha condición que se ten de por vida. Helena é desas mestras. Traballou na escola primaria e nos institutos, estivo en activo desde 1960 en Vilaver de Cervantes, ata 2001 cando neste centro, no Xelmirez I que hoxe acolle a súa homenaxe porque ela así o quixo, se xubilou.
Eu coñecina anos antes no colexio público PIO XII de Santiago, aquel que chamaban o “colexio pantasma”, porque nunca tal se viu, era un colexio sen centro no que cada ano as aulas espallábanse por diferentes edificios de Santiago e alí nos seguían as mestras. Helena deume clase tres anos de lingua e literatura galega, clase de revivir a tradición, de recuperala, clase de fala, de costumes, de patria, de orgullo, de nación, de paisaxe, de homes e mulleres da terra, de palabras, de ser persoa, e ata clase de música porque naquel colexio sen centro, onde non había ximnasio nin instrumentos, Helena montou un coro, que ensaiaba onde podía. Cousas de Helena, que facía real con empeño todo o que se propoñía, ou o que lle deixaban (porque teimuda tamén era un cacho). E era tamén, e hai que dicilo, severa e esixente. Para os seus alumnos como para ela mesma.
Ás veces a mestra falábanos da súa casa, unha casa dunha parella de escritores, ela e mailo seu home, o escritor Xesús Rábade Paredes, (ao que coñecera e co que casara en só un mes, tamén esa é unha fermosa historia, queda para outro día) Unha casa caldo de cultivo para criar a dous fillos singulares desde que naceron: María do Cebreiro e Abelardo. Hoxe, unha coñecida e prestixiosa poeta, e estudosa da lingua e a literatura; e un coñecido e prestixioso músico de jazz. Naquela casa, cando os pequenos naceron, ela e el, el e ela, montaron unha xastrería, enténdase por xastrería no sentido no que a tivo Helena, un fogar de letras, liberdades, cultura, galeguismo, tradición e música: unha xastrería.
Pero aquel fogar de Helena e Suso, tiña unha eiva, como tiñamos tamén as rapazas e rapaces aos que nos daban clase a comezos dos 80, e era, que non dispoñiamos dunha literatura infantil da que alimentarnos. Non había un sistema literario que amamantara a aqueles cativos que comezaban ler en galego. Foi tralo estatuto de Autonomía de Galicia, cando o galego se declarou lingua oficial que chegou tamén ás escolas. E daquela, unha serie de mestres e mestras, entre os que estaban Helena e Suso comezaron atender esa eiva.
Na casa de Helena cunha naturalidade absoluta comezou agromar unha literatura infantil primeiro para os seus fillos, logo xa para todos. En prosa e en verso, recitada e cantada. Música e oralidade, unha vez máis da man, como na xastrería.
Helena foi desde o comezo unha escritora libre e afoutada, non se parece a ninguén máis ca ela. Coidou a lingua, os sentimentos, a forma e o fondo, e non fuxiu da modernidade nin da tradición, conseguindo chegar a unha pola outra.
Os seus primeiros libros non foron infantís, empezou o camiño literario no 72 co poemario Alalás, o único escrito en castelán, e xa nunca parou de escribir alternando prosa e verso, adultos e pequenos. A súa primeira obra para cativos chegou co seu home, Xesus Rábade Paredes. Unha colaboración na escrita que se mantivo uns anos e dou froitos interesantes e necesarios, como Simbolos de Galicia. A bandeira o escudo e o Himno. Un libro que gañaron O premio Patronato Rosalia de Castro, e que desenvolvía a modo de libro escolar ese tema. Continuaron xuntos na divulgación con Lección conmemorativa sobre Rosalía. Tiña que ser a Rosalía á quen Helena amou e ama tanto.
Pero no 1982 publícase Cantan os nenos. O primeiro libro de María, no que recollían cantigas de berce para a súa filla. Nese libro tan importante para a literatura galega, Helena dixo que se viron na obriga de facer composicións e mesmo de traducir cantigas de berce doutros autores e musicalas, simplemente porque non había. Helena e Suso, pais e mestres, unha parella de ideas renovadoras e aire novo anclado na tradición, eran mestres transversais e integrais, como explican perfectamente no prólogo do libro, que di así:
Cando naceu o libro de María, pensamos maiormente nas súas posibilidades dinámicas. Co tempo, a práctica pedagóxica, demostrounos que o libriño é un auxiliar inesgotable tamén da área de plástica e da clase de lingua.
Tras eses libros viñeron outros de adultos, e premios importantes libros en tandem con Xesus Rábade, libros colectivos, e libros infantís, estes sempre enlazados co uso escolar, coa recuperación da tradición, as cantigas, a intención de introducir á infancia no pasado cultural.
Pero no 85, producese o que Helena chama o “divorcio literario”. Xesus Rábade gozaba xa de gran sona como poeta, pero Helena sinte a necesidade de volver cultivar a súa voz en solitario tanto para os adultos como no infantil, e publica O día que choveu de noite. Unha nena que se aburre na clase, e mirando pola fiestra observa un curioso fenómeno nas nubes que xogan á roda. Avisa del a Xan que co seu tiratacos lánzalle doce pédras que quedan alí… Comezando no real e rematando no fantástico. Un conto que segundo a investigadora Blanca Roig Rechou recolle algunhas pezas clave da literatura infantil de Helena: o recinto escolar; unha protagonista infantil preocupada polo que ve e non pasiva; ou a personificación de elementos non humanos.
No 87 gaña o segundo premio Barco de Vapor coa Viaxe á Illa redonda. Outra investigadora Carmen Blanco, asegura que a familia protagonista (o pai poeta, a nai música, a avoa lectora, e contadora de contos, o avó coñecedor da natureza) son un prototipo idealizado dos valores artísticos e de amor á natureza.
Outra obra destacada, Vermiño chegará no 88. Traducida a todas as linguas estatais e ao aranés. E ano seguinte aparecen tres: Ero e o Capitán Creonte, Patapau e A cidade de Aldara. Está Helena xa nunha grande calidade literaria, cunha escrita recoñecible, e propia.
En poucos anos convertiuse nunha escritora infantil imprescindible, de bo facer e cunha produción intensa, estable, e de calidade recoñecida con premios como o Arume de poesía infantil da Fundación Neira Vilas por Na praia dos lagartos. Ou recoñecementos internacionais: a lista White Ravens no 90 e no 94 coas obras Ero e o Capitán Creonte e A canción do Rei. Igual que entrou na lista de Honra do Ibby con Belidadona e Dona e Don.
E volvemos á estudosa Blanca Roig Rechou quen atinadamente recolleu nuns puntos as constantes da obra de Helena:
– O mundo escolar, un dos espazos onde situa accións nos seus libros, mostrando preocupación por renovar os métodos de ensino, porque os nenos non se aburran, por reivindicar a lingua….
– O mundo familiar tamén moi presente, familias cultas que entenden aos seus fillos, nais extraordinarias.
– Nenas protagonistas, que poucas veces as había na literatura. Rapazas de carácter e activas.
– Os vellos como transmisores da sabedoria.
– A música por suposto, sempre a música.
– A fantasía.
– E a tradición e a cultura popular. E por suposto, a lingua non só como vehículo de transmisión, senon como reivindicación.
Unha obra de coherencia extrema, como dicía ao comezo. Coñecer a Helena é comprender perfectamente o que ela nos deixou en herdanza a varias xeracións de nenos.
A obra literaria infantil de Helena, como a de adultos non está rematada, os últimos títulos foron no 2014 un marabilloso libro de poesía para cativos As señoras cousas e este ano unha reedición de O caderno de Edua.
Pero Helena, desde hai anos non se reduce ao papel, e ten nas redes sociais, principalmente no facebook, parte da súa obra actual: social, de opinión, poética (maioritariamente en forma de haikus), fotográfica, dá clases de galego, e de cando en vez dirixese ao público infantil, volvendo á orixe, coas cancións de berce que lle adica á súa neta Helena como no seu dia aos seus fillos María e Abelardo. Nas redes atopou a autora unha nova maneira de relacionarse desde a proximidade, cos seus lectores. E de novo foi, pioneira e moderna, utilizando as novas ferramentas para chegar a máis ollos e oidos.
Grazas Helena por tanta e tan boa literatura infantil creada, máis a que teñas a ben aínda darnos. Méritos tes abondo, para que hoxe te homenaxemos como socia de honra da Asociación do libro infantil e xuvenil de Galicia. Parabéns.
María Solar,
Periodista, escritora e presentadora dá Televisión de Galicia e da Radio Galega