POETAS DI(N)VERSOS. RECITAL DE RATI XATENA E HELENA VILLAR JANEIRO
Publicado por: acn en General
O pasado luns, 8 de xuño, pechouse para este curso a programación de Poetas Di(n)versos, que coordina a poeta Yolanda Castaño xuntando por pares creadores de noso e de fóra no Centro Ágora de A Coruña. As poetas convidadas eran a india Rati Saxena e luguesa -canceladesa de orixe- Helena Villar Janeiro, que é membro de honra de Castaño y Nogal, asociación representada neste recital polo presidente, Antonio Álvarez González, e o compañeiro José Ramón Liñeiro. A poeta oriental expresou nos seus versos –traducidos detrás un por un ao galego pola tamén poeta Yolanda Castaño- a problemática das mulleres e outros aspectos da afastada cultura milenaria. A poeta galega, que presentaba o libro “Remontar o río”, fixo alusión á orixe do poemario que, como indica o seu título, son impresións da propia vida río arriba, desde o Danubio –onde empeza a viaxe real que promoveu esta creación- ata o Donsal, o seu querido río de Quintá de Cancelada, onde exerceu de mestra desde 1962 a 1968 e onde se fixo poeta. Nun xesto emocionado, agradeceu a nosa presenza ao comezo da súa intervención. Castaño y Nogal felicita cordialmente á organizadora e ás participantes, e agradece o convite a un acto no que se puxo de minifesto a clarividencia creativa de dous escenarios ben distintos unidos pola difusión da cultura e das linguas en compromiso social coa literatura e coa xente.