23

Coa mesma discreción coa que viviu, finou o pasado día 1 de novembro, na súa casa do Castro de Samoedo, Dª Carmen Arias de Castro Montero, máis coñecida como Mimina, viúva do noso membro de honra D. Isaac Díaz Pardo, unha desas mulleres de valía que viviu case na sombra e coas que ten débedas a sociedade que non soubo recibilas como protagonistas.

.

Nacida na Coruña en 1921, recibiu clases debuxo e acuarela con Dolores Díaz Baliño, irmá de Camilo Díaz Baliño, a través da que toma contacto coas novas xeracións da pintura galega e moi particularmente con Díaz Pardo. A familia non aproba a súa relación co pintor comunista, republicano e galeguista, e ela deixa de viaxar a Madrid para finalizar a súa carreira de Belas Artes. Cando casan (1945), o matrimonio ten tres fillos en pouco tempo e dedícase a crialos. Despois, a ser un apoio incondicional do seu home coa súa intelixencia, creatividade e mesmo as propiedades, pois nelas se creou Cerámicas do Castro, para as que deseña as primeiras porcelanas. Acompañouno e axudoulle, así mesmo, nos proxectos empresariais en Arxentina, onde fixo fonda amizade con outra muller extraordinaria: Maruxa Seoane. Na fábrica Cerámica de Sargadelos, proxecto que se desenvolve a partir de 1970, Mimina monta un taller de xoiería moi aprezada no mercado. E, como muller culta de longa experiencia a pesar de ocupar un segundo plano, foi imprescindible o seu traballo na recollida de documentación arquivada no Instituto Galego de Información, dixido polo seu home ata xaneiro de 2010.

.

Mimina soñaba con facerlle a Isaac unha Fundación que recollese o seu legado documental e artístico polo que viña traballando, recollendo documentos, obxetos artísticos, fotos, etc., dende facía moitos anos. Ten un arquivo especializado no seu home que fixo con moito agarimo e traballo. Agardamos que nalgún intre o seu soño se faiga realidade.

.

Desde Castaño y Nogal queremos manifestarlle á súa familia o noso cariño, recordando a súa presenza no acto de entrega da distinción de Membro de Honra a título póstumo a D. Isaac e na cea celebrada a continuación.

.

Descanse en paz.

.

Link a membros de Honra de C&N:

http://www.asociacioncastanoynogal.com/miembros_honor.html

.

Helena Villar Janeiro , membro de Honra,

Antonio Álvarez González, presidente

Asociación Castiñeiro e Nogueira

Los comentarios están cerrados.