A Asociación Castaño y Nogal naceu para mellorar a forma de vida dos habitantes dunha ampla zona de Cancelada -Comarca dos Ancares-, territorio avocado ao despoboamento seguindo a tendencia do interior de Galicia e as característica particulares dun territorio accidentado no que resulta moi difícil mecanizar os traballos agrícolas. A asociación foi impulsada por persoas orixinarias, principalmente da parroquia de Quintá de Cancelada, que se formaron e traballaron fóra, pero permaneceron unidas á forza telúrica daquela paisaxe. Uníuselles xente amiga residente na cidade da Coruña que tamén se identificou cunha terra na que tan visibles se fan as estacións que ten catro paisaxes sucesivas ao longo do ano.

 1

A riqueza etnográfica, nacida das necesidades dos habitantes montañeses para desenvolver a súa vida nun pasado remoto, pero non tanto, é outro tesouro que estaban infravalorado e en perigo de extinción. Por último, a presenza dun río que desenvolve en poucos quilómetros as tres partes do seu curso con cadansúa característica, acaba dándolles a aquelas paraxes posibilidade de desenvolvemento alternativo concorde cos tempos en que tanto se revalorizou a cultura relacionada co medio ambiente e cun pasado común a moitos pobos de Europa.    

2Tendo a asociación persoas interesadas na preservación deste territorio para a actividade humana a través da economía alternativa, e técnicos especializados en organización de espazos e na práctica do sendeirismo, non foi difícil ver as posibilidades de recuperación e desenvolvemento dunha comarca con tanto atractivo para actividades de lecer e tempo libre, que conleva a posibilidade de potenciar a economía de proximidade a partir dos produtos da terra e do gando que nela se cría.

Esa é a razón pola que a «Ruta de sendeiro Quintá-Río Donsal» pasou a ser a actividade estrela da asociación que traballou e traballa sen presupostos oficiais, cos seus afiliados, a veciñanza e 35 voluntarios da ONG Servicio Civil Internacional, procedentes de 14 países e 4 continentes, con 13 lenguas, en dous campos de traballo. Recibiu tamén algún apoio de varias casas comerciais da comarca e da Coruña.

3A asociación conta cunha ampla colaboración da xente da cultura, entre a que nomeou algúns  Socios de Honra. Este apoio fixo posible a investigación histórica sobre a zona descubrindo que o sendeiro recuperado coincide en parte cun vello Camiño Real a Castela e que o doutor alemán Walter Ebeling visitara a zona nos anos trinta polo seu interese etnográfico para Europa. Con este apoio, a asociación realiza tamén in situ diversas actividades culturais.

O proxecto recibiu o apoio institucional do Concello de Becerreá e da Xunta de Galicia, que ten adquirido o compromiso de colaborar na súa conservación. Mentres tanto, un gran número de sendeiristas percorre ilusionado este tramo privilexiado da Galicia rural mentres se van reconstruíndo arquitecturas atutóctonas abandonadas, e aumenta o interese pola conservación e promoción dos valores culturais, ambientais e de economía sostenible da zona de Cancelada.

 

Helena Villar Janeiro, escritora

Los comentarios están cerrados.