Como a mellor homenaxe que se lle pode facer a un artista que nos deixa é repasar a súa obra, exploro a plástica de Isaac Díaz Pardo e detéñome no que non coñecía. Debuxos, pinturas, serigrafías, cerámica… Unha das últimas creacións fíxoa para o número catro da Revista de Estudos Rosalianos -era membro ilustre da Fundación-, un deses grupos de xente de enormes ollos e sen idade. E púxolle a lenda: «Este grupo de xente olla un horizonte que está á esquerda porque Rosalía de Castro e o seu home xa tiñan chorado pola sorte da nosa terra. X. Alonso Montero, sen piedade dos meus anos, obrigoume a facer un debuxiño… ¡Eu que sei!»
Eses ollos que o gran artista Isaac Díaz Pardo deixou nas súas figuras son unha das características máis distintivas da súa arte. Ollos enormes, abertos ao mundo cara fóra pero tamén cara dentro, que son unha metáfora da capacidade que ten a persoa de captar a realidade, de deixar que a sosprenda, de a reelaborar, codificar, decodificar, criticar e mesmo sobrepoñérselle.
Con eses mesmos ollos abertos diante da súa grandeza foi como o viu a sociedade e, sobre todo, como o está a mirar cando xa pechou os seus para sempre e nos deixou unha valiosa obra material e inmaterial, persoal e colectiva, unha obra de gran valor e variedade feita ao servizo de Galicia e da cultura.
Isaac pasou a travesía dos seus moitos anos con ollos sorprendidos desde cedo polo asasinato de seu pai, de quen herdou as habelencias artísticas. Viu a través desta súa mirada a emigración e, sobre todo, o exilio dos nosos pensadores e creadores expulsados, de paso que servía de ponte creativa entre a Galicia transterrada e a Galicia territorial, e contribuía a darlle maior cohesión ao país que tando lle debe. O seu labor como empresario recuperou a vella fábrica de Sargadelos, promoveu a creación de novas formas e colocou a nosa cerámica no mundo. O seu traballo de editor permitiu que se divulgasen textos de grande interese (crónica, ensaio e incluso creación) que non terían cabida en edicións convencionais. Por estas angueiras, fixo a maior renuncia que un pintor pode ofrecer en servizo da sociedade: deixar a obra individual para desenvolver os proxectos colectivos que esa sociedade precisa.
A grande valía de Isaac contrastaba coa súa humildade, que ata aí foi exemplar. Grazas, Isaac, por todo o que nos legas.