Á memoria de Don Isaac Diaz Pardo, galego ilustre e cidadán universal
Publicado por: acn en homenajeA Asociación Castaño y Nogal colga na súa páxina un crespón negro pola desaparición física do noso ilustre paisano, don Isaac Díaz Pardo.
Decimos desaparición física porque a morte só é quen de nos arrebatar a súa fráxil figura corporal e o seu verbo austero e crítico, pero nunca o seu recordo, que será tan perdurable como a súa enorme traxectoria artística, profesional, intelectual e humana.
Glosar a figura de don Isaac pode reducirse a catro renglóns, el mismo se autodefinía con moitísima humildade, ou varios tomos dunha enciclopedia dado o seu carácter polifacético: artístico, literario, filosófico, empresarial….de tan ilustre personaxe.
Non é pretensión destas liñas entrar en tales aventuras biográficas. Voces máis autorizadas xa o fixeron e o farán na medida en que o paso do tempo engrandeza aínda máis a súa figura irrepetible.
Humildemente, e na miña condición de testemuña presencial dun acto que pon de manifesto a excelencia moral e humana de don Isaac, vooume limitar simplemente a contar o que vin e vivín.
O episodio tivo lugar o pasado ano na aula de Cultura da extinta Caixa Galicia na rúa Médico Rodríguez de A Coruña.
Celebrábase un acto conmemorativo do centenario do nacemento do ilustre e non ben recoñecido escritor e periodista coruñés Wenceslao Fernández Florez
Na presidencia e como orador estaba, entre outras personalidades da vida literaria e social da cidade, o poeta e escritor César Antonio Molina.
O pleno era total e o escaso aforo da sala non foi suficiente para acoller o público asistente, polo que houbo que habilitar asentos supletorios polos corredores. Aínda así, parte do público permanecía de pé.
Eu estaba sentado nunha fileira das centrais e nuns asentos máis á dereita atopábase don Isaac e a súa dona.
Ao pouco de comezar o acto entrou na sala unha muller de idade mediana, auxiliada con dos bastóns, cun andar deambulante e serios problemas de mobilidade. Durante uns segundos permaneceu nas proximidades da porta de entrada, buscando ansiosamente coa mirada un asento libre que non existía.
Incorporeime e fixen un percorrido visual pola sala para tratar de acomodar a inválida. De súpeto, observo que don Isaac se levanta, camiña cara a indicada señora e lle ofrece o seu asento.
Nas cercanías había persoas de todas as idades, tamén novas. Mais o único que se ergueu para ceder o seu asento foi un activo mozo de noventa anos chamado don Isaac Diaz Pardo.
Sen máis comentarios. Así era don Isaac, nin máis nin menos.
Descanse en paz na súa derradeira morada honrando con sus restos mortais o Pavillón de Galegos Ilustres.
A Coruña, xaneiro de 2012
José Ramón Vázquez Liñeiro
Socio Emérito da Asociación Castaño e Nogal