Durante a tarde do pasado sábado, membros da xunta directiva, socios, simpatizantes e amigos da  Asociación Castaño y Nogal xuntáronse na antiga escola unitaria de Quintá de Cancelada, hoxe Sede da Asociación. A convocatoria tiña dobre finalidade: unha máis prosaica, efectuar balance dos logros alcanzados nestes dous últimos años de traballo, e outra máis poético-social, escoitar as palabras de dona Helena Villar Janeiro, escritora de vocación, profesora de profesión,  referente indiscutible da cultura galega e de Cancelada en particular.

Tras despachar sen incidencias punto por punto o programa establecido na Orde do Día da Xunta Xeral Ordinaria da Asociación Castaño y Nogal e escoitar con gran interese  o relato-reflexión da nosa amiga Laura Poncela sobre a experiencia vivida o pasado verán como  participante-voluntaria do  II Campo de Traballo Internacional de Quintá de Cancelada, chegoulle a quenda á invitada de honra. 

Mesa presidencial: Antonio Álvarez, Helena Villar, María López  e Laura Poncela, de dereita a esquerda
Mesa presidencial: Antonio Álvarez, Helena Villar, María López e Laura Poncela, de dereita a esquerda

Instantes antes de comezar o encontro puidera comprobar  o interese espertado entre os veciños pola presenza de dona Helena Villar Janeiro. Incluso algún se achegou a preguntarme como estaba, se comera ese mediodía en Quintá e cousas polo estilo. Todos a coñecían ou oíran falar dela. Descoñezo se tiñan lido algunha das súas obras literarias, pero do que si estaban seguros era de que impartira maxisterio en Quintá había máis de catro décadas deixando un gran recordo nesa parroquia de Cancelada, na que deu clase de 1962 a 1968.

Vista parcial da sala, con presencia de asociados de CeN, veciños e asistentes da  Coruña, Ponteceso e Lugo
Vista parcial da sala, con presencia de asociados de CeN, veciños e asistentes da Coruña, Ponteceso e Lugo

Cabe dicir que todos os presentes esperabamos unha conferencia de corte máis ben literario, de compromiso e defensa da cultura galega, das súas raíces, coherente coa profesión da oradora, con algunha referencia ás súas orixes vinculadas á comarca, chea de anécdotas e de vivencias compartidas coa veciñanza naqueles anos.

E é certo que algo diso houbo na súa disertación. Pero alí sentada, dona Helena, no centro dunha aula, comezou a esgrimir un timbre de voz seguro, firme, impecable. E daquela ocurreu o miragre e xurdiu a Mestra cunha intervención que por momentos parecía unha experta enxeñeira agrícola da FAO, unha sabia ec3onomista, unha experta en dinamización rural, na cociña de proximidade, en xerar sinerxías e ingresos de cultivos e excedentes típicos da zona, unha Mestra, en suma, en toda a súa dimensión.

Pero cecais a reflexión máis contundente chegou no coloquio cando dixo que para cambiar as cousas e reverter situacións hai que comezar por cambiar un mesmo.

Grazas por todo, Helena. 

Julio L. Mouriño

Enlace a entrevista co arquitecto do sendeiro, dende Radio Cornellá (Barcelona), programa «Sempre en Galicia», a mesma tarde da conferencia de Helena Villar:

 http://www.ivoox.com/podcast-sempre-galicia_sq_f124679_1.html

Los comentarios están cerrados.