O Donsal é un río dos Ancares, canceladés, afluínte do Navia, rescatado –empezando por lle atopar o nome-, e vitalizado cun sendeiro que permite acompañalo desde o nacemento á morte. No seu percurso aínda se conservaban ruínas de muíños, pequenas centrais eléctricas de dínamo e un batán, a primeira máquina que fora abandonada. A existencia destes elementos facilitadores da vida daqueles habitantes indica que é un río con fervenzas e desniveis que proporcionaban forza hidráulica para mover os rudimentarios artiluxios. Por riba das súas augas, e para facilitar o seu traspaso, téndese a madeira de pontigos roídos polas queixadas do tempo. Parte desta riqueza etnográfica xa está restaurada. O resto agarda por algún tipo de protección oficial, que esperemos que non tarde.

 

14 

 

Mais onda o Donsal a riqueza aumenta coa abundanza de construcións enxebres: ouriceiras –cercados redondos paredados con pedra para apodrecer os ourizos e curtir as castañas cando os castiñeiros eran varexados-, e aldeas con restos de pallozas e edificios á maneira da zona, algúns xa convertidos en casa de turismo. Verbo da natureza, o espazo tamén é  valioso pola flora e fauna autóctonas que conserva. O sonoroso Donsal pasa por rochas carpichosas, soutos centenarios, prados esmeraldinos e, en certos lugares, camiña por onda os restos dunha calzada romana. As súas augas acariñan a pel dalgunha lontra e o verdor das súas rabazas contrasta cos marróns do outono e a  espidez invernal que non tapan as herbas.

 

24 

 

Nos Ancares, este atractivo sustentador dun lecer de cultura ecolóxica estivo abandonado e escondido, pois á veciñanza non lle é doado atopar valor nos elementos que recordan as épocas máis duras do seu pasado. Son os que se van, e volven tras ver mundo, quen descobren a calidade de vida que as sociedades máis desenvoltas botan de menos. No caso do Donsal, foi unha asociación ecolóxica promovida por un nativo, Antonio Álvarez González,  quen se mobilizou para que se faga notar e sexa motor de transformación económica dun mundo rural que ten como oferta o que a sociedade máis moderna demanda: historia conservada en pedra e utensilios, e forza telúrica na paisaxe. A percorrer a ruta do Donsal xa chegan grupos de lonxe atraídos pola súa dificultade media, a fermosura natural e a contorna humana altamente acolledora.  

 

Publicado no Correo Gelego, na sección de Opinión, ó  16-09-11

http://www.elcorreogallego.es/opinion/firmas/ecg/percorrer-donsal/idEdicion-2011-09-16/idNoticia-700569/

Los comentarios están cerrados.